DomusVi Ferrol participará no ensaio da vacina do virus sincitial
Publicado el 12 de enero de 2026
O virus sincitial respiratorio (VSR) é un virus común que, na maioría dos casos, causa síntomas leves semellantes aos dun arrefriado, como dor de gorxa, tose ou conxestión nasal. Non obstante, en bebés pequenos, adultos maiores e persoas con enfermidades crónicas, o VSR pode causar problemas pulmonares graves que poden requirir hospitalización; de feito, é responsable de centos de hospitalizacións en Galicia cada ano. Ademais, nos adultos, pode empeorar doenzas como a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) e a insuficiencia cardíaca conxestiva (ICC). En Galicia está a levarse a cabo un ensaio coa vacina. O ensaio clínico DAN-RSV (SINCIGAL) foi aprobado polo Comité de Ética da Investigación de Galicia e pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, de acordo coa lexislación vixente, e está a ser comandado pola Consellería de Sanidade xunto co grupo de investigación en Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas en Pediatría (GENVIP) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. DomusVi Ferrol contribuirá á participación de residentes e traballador@s que o desexen. Pódese obter máis información no propio centro.




